Normalización Lingüística

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (antes Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística) constitúese, segundo as normas estabelecidas, co obxectivo de coordinar, planificar e promover actividades encamiñadas a conseguir o uso do galego dentro do centro escolar, e tamén para incidir na comunidade educativa con actividades que fomenten o uso normal da lingua galega.

O Equipo deste Colexio é consciente de que a meirande parte do alumnado é de orixe castelán falante e que o contacto coa lingua galega é escaso agás no ámbito escolar. A pesares disto estamos convencidos de que a lingua galega é o principal patrimonio cultural de Galicia e que a súa conservación activa é imprescindible por iso quere facer incidencia naquelas actividades que supoñan un uso activo, moderno e creativo. Temos que sacar a lingua máis alá do que é o ámbito estritamente académico para que sexa empregada nos usos espontáneos de lingua oral, no uso das TIC, das literatura infantil e xuvenil moderna, no cine, na radio…

É por isto que participamos en actividades como o Premio literario Frei Martín Sarmiento e na Festa da lingua organizadas pola FERE, que temos un proxecto de radio escolar, que participamos no concurso de curtametraxes Rec-curta, que os alumnos/as maiores participan do campionato de debates Parlamento Xove e que se move polas casas de educación infantil un Libro viaxeiro e unha longa listaxe de actividades que día a día pretenden fornecer ao noso alumnado da ferramenta que é a nosa lingua.

Porque temos na boca palabras milenarias que saben a fume, a bico, a berce, a carballo, a ollomol, a cambadela… e compartimos o soño de Don Álvaro Cunqueiro de mil primaveras máis para a lingua galega. Desexamos que no patio do noso colexio vólvase escoitar “non vale furaaar…”