Novas


31/05/16

OS NENOS E NENAS DE 3º VISITAN O CONCELLO DE MESÍA

Os nenos e nenas de 3º de Educación Primaria fomos de excursión de fin de curso ao Concello de Mesía (A Coruña). Pola mañá, estivemos na Casa Grande de Xanceda disfrutando moito en plena natureza, axudando nas tarefas de coidado dos animais, aprendendo a función de cada un deles, os beneficios de non empregar produtos químicos na granxa para poder consumir alimentos ecolóxicos máis saudables, como se elaboran os iogures e moitas cousas máis. Deste xeito, o primeiro que fixemos ao chegar foi tomar un iogur ecolóxico dos que alí se elaboran para ter forzas para as actividades da mañá. A continuación, fomos darlle o biberón aos cuxos pequenos. Logo de desinfectar as mans cun xabón especial, fomos á zona dos tenreiros recén nacidos para achegarlle a palla para que as súas nais, moi ocupadas coidando das súas crías, poidan comer. O resto das case catrocentas vacas que hai están felices pastando e paseando polos prados. Máis tarde, visitamos a sala de muxido onde nos explicaron como realizan esta actividade e como rexistran toda a información que obteñen sobre a saúde e o leite de cada vaca ordeñada. Sabiades que unha vaca non estabulada coidada como aprendemos hoxe dá menos litros de leite ao día pero de moita mellor calidade e que vive moitos máis anos? Despois, na iogurtería, a través dunha sala de vidro vimos e explicáronnos como se realizan os iogures, unicamente con leite das súas vacas, fruta ecolóxica e fermentos, pero sen ningún conservante nin outras substancias químicas. Continuando coa nosa labor na granxa, démoslle de comer ás galiñas, aos ponis, ovellas, cabras, etc., sempre tendo en conta, coma sempre, os consellos que as nosas monitoras nos deron ao comezo da mañá para garantir que os animais estean tranquilos e felices, como por exemplo: non correr, falar baixo, situarnos de fronte aos ponis sen poñernos nunca detrás deles... Visitamos aos cans mastíns e ao pastor alemán coñecendo a importante función que realizan no coidado das vacas. Para rematar, elaboramos un xoguete nós mesmos, xantamos e xogamos no parque da granxa. Pola tarde, visitamos a aula de natureza e o museo de Brañas de Valga, onde, a través dunhas actividades por equipos, aprendemos cal era o proceso de extracción do barro para a elaboración de tellas, ladrillos e cerámica. Demos un paseo pola lagoa, observando os preciosos patos e o cisne e rematamos elaborando a nosa propia figuriña de barro. Foi un día moi completo, cheo de aprendizaxes constantemente en contacto coa natureza.