Novas


08/09/16

IN MEMORIAM DE MARISA

Intentarei explicar o que sinto pola irreparable perda da miña compañeira Marisa, sempre recoñecida pola súa dedicación á docencia e pola súa personalidade única. Fai vinte anos coincidimos coma titoras de 5º de primaria e pasamos dezaseis anos xuntas. Dezaseis anos parecen moitos, pero que curto se fai o tempo cando un está tan a gusto. Os nosos compañeiros de traballo convértense ás veces en membros da nosa familia e pasamos tanto tempo xuntos que van forxándose lazos especiais de confianza e amizade. Así ocorreu con nós. Canto aprendín contigo! Podería enumerar miles de cousas, pero unha pola que te estarei enormemente agredecida é porque contigo solteime a falar na nosa lingua da que ti eras eterna defensora. Canta vivencias, Marisa! Cantos alumnos, cantas anécdotas, cantos San Felipes, cantas celebracións… CANTO COMPARTIR. E… tamén algunha bronca que outra, porque “abroncabas” coma ninguén, pero sempre con nobreza e desde o máis absoluto cariño. Sempre fuches fiel defensora do centro e a túa lealdade trasladábase a todos os ámbitos da túa vida. Contigo todo eran risas e positividade e incluso, en momentos de problemas, a túa famosa frase “imos para casa, mañá é outro día” suavizaba a situación. Foi un luxo ser a túa compañeira. Grazas por formar parte da miña vida e da miña historia. Eu e a comunidade educativa botarémoste de menos porque deixaches (sen ti sabelo) unha pegada moi forte en cada un de nós. Ata sempre COMPAÑEIRA. Tilucha