Novas


24/11/17

UNÍMONOS CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS

Hoxe, venres 24 de novembro, Vilagarcía tinguiuse de negro. O alumnado dos colexios e institutos da vila saímos ás rúas para visibilizar unha realidade demasiado frecuente no noso país, unha realidade ante a que non podemos calar: as violencias machistas. 

En España, no que vai de ano, contamos xa case con 60 vítimas, nas que se inclúen menores de idade asasinados polas parellas ou exparellas das súas nais. Pero estes datos son só a punta do iceberg, xa que as violencias machistas empezan a manifestarse de formas tan sutís que moitas veces pasan inadvertidas. Este é un problema estrutural provocado pola discriminación que sofren as mulleres en todos os ámbitos e parece que o único que pode cambiar esta situación é a educación. Unha educación na que se transformen as regras sociais e se eliminen os roles que subordinan ás mulleres. Como sociedade, temos a obriga de non consentir e de denunciar comportamentos machistas. Hoxe quixemos demostrar que nós non somos cómplices e que, ata que esta lacra non remate, imos alzar as nosas voces e berrar: NON ÁS VIOLENCIAS MACHISTAS!