Novas


27/11/17

A "FALAR SEN CANCELAS"

O pasado venres, 24 de novembro, os alumnos de 3° e 4° ESO acudiron ao Auditorio de Vilagarcía para ver o espectáculo "Falar sen Cancelas". Esta obra conta con tres cómicos excepcionais, como son Pedro Brandariz, Fran Rei e Isabel Risco, que levan 15 anos xuntos sobre os escenarios e intercalaron unha serie de monólogos propios, gags, recursos e xogos de improvisación que fixeron da representación unha aventura diferente e única. Unha gran gala de humor e comedia, coa palabra como gran protagonista, mais tamén a maxia, o clown e a improvisación.

Como eles mesmos din: " Hai xente que fala por falar. Outros falan polos cóbados. Algúns falan os sete falares. E non son poucos os que falan do xato e se esquecen do trato. Porque prefiren falar dos biosbardos, das nubes ou do sexo dos anxos antes que ir ao conto. Laretar, latricar, esbardallar -mesturando o allo co bugallo e sen querer quitarlle lobos ao asunto- é unha arte que, se se manexa ben, dá xenio escoitar. En definitiva, que o falar non ten cancelas, sobre todo nun lugar en que cada palabra conta, ás veces por dúas, no que o duplo significado abrolla en cada xiro da lingua e a retranca fai rimar humor con historia cada vez que alguén abre a boca. Somos un pobo de contos, de lendas, de relatos. Sabemos falar. E cando falamos, falamos ben. Porque temos, igual que acontece coa choiva, mil e unha maneiras de describir as nosas formas de conversar".

Os alumnos gozaron de 75 minutos de risas, onde foron espectadores e participantes ao mesmo tempo. Sen dúbida, quedaron encantados.