Novas


30/11/17

ORGULLOSOS POR PARTIDA DOBRE

Esta semana estamos dobremente de noraboa. Por un lado a Deputación de Pontevedra recoñeceu o noso proxecto “Unha historia con Historia” co segundo premio na categoría Educación en valores dentro dos I Premios Provinciais á Xuventude. O galardón, que era a primeira vez que se convocaba, ten como ánimo promover o talento e o potencial da mocidade da provincia. A iniciativa, coordinadas polos profesores María Nogueira e Rubén Rivas, consistía na elaboración dunha Historia universal ilustrada por alumnado con Transtorno do Espectro Autista (TEA). A entrega tivo lugar o mércores, 29 de novembro, nun acto que se desenvolveu no salón de plenos da institución pontevedresa e o importe do premio, 1 000 euros, debe ser destinado na súa totalidade á adquisición de material e/ou saídas educativas.

O segundo motivo de ledicia é a invitación a catro alumnas do Centro a participar, o próximo venres, como oradoras no evento Inquedu, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O convite chégalles logo de ser un dos catro centros vencedores no concurso ComunicaTedu, unha actividade organizada pola mesma consellería na que se poñían a proba as competencias orais no discurso público planificado. O concurso, que se fallou a finais do curso 2016-2017, recoñeceu co máximo galardón a dous dos equipos presentados polo colexio. Neste caso co mérito especial de que as vencedoras, alumnas nese momento, de 2º da ESO estiveron coordinadas por compañeiras de 3º da ESO.