Novas


11/02/18

O ENTROIDO ENCHEU O COLE DE CORES, MÚSICA, ORELLAS E FILLOAS

Os nenos das filipenses deron o venres o pistoletazo de saída ao entroido. 

Este ano decidimos facer un entroido temático para sacarlle proveito, tamén dende o punto de vista pedagóxico.

En infantil aproveitaron para que os nenos seguiran aprendendo cousas dos proxectos nos que estaban a traballar. E coa colaboración das familias descubriron cal era a indumentaria dos indios, en tres anos, dos piratas, en catro e dos esquimais en cinco anos.

En primaria os nenos fixeron os seus disfraces eles mesmos na casa, axudados pola familia. Cada titor deu as directrices e o resultado foi fantástico. Ademáis de gozar de tempo en familia, elaborando os traxes, os nenos viron como con materiais humildes e imaxinación pódense facer disfraces xeniais. Trogloditas, bonecos de neve, superheroes, emoticonos, cartas e pantasmas encheron o cole.

En secundaria foron os alumnos os que coa axuda dos profesores elaboraron os disfraces ao longo da mañá do venres. Fomento da imaxinación, traballo en equipo, compartir foron só algúns dos valores que aprenderon ao longo da xornada. O resultado ladróns, Campanillas e Peters Pan, dálmatas, astronautas e extraterrestres elaborados, coma no caso dos compañeiros de primaria, reutilizando materiais.

A nota doce puxérona as orellas e as filloas que venderon os alumnos de 3º da ESO para recadar cartos para súa excursión do próximo curso.

E para rematar todos puidemos compartir a festa coas familias. Xa que o cole abriu as portas ás 13:00 para que os alumnos desfilaran facendo as delicias dos pais.