Novas


25/02/18

CLASIFICADOS PARA A FASE FINAL DO PARLAMENTO XOVE POR CUARTO ANO CONSECUTIVO

O equipo formado polos alumnos Inés Alba, Almudena Mesejo, Sara Montero e Fernando Paredes logrou esta fin de semana clasificarse para a fase final do Parlamento xove 2018 na categoría da ESO. O equipo filipense ocupou o quinto lugar na clasificación xeral ao vencer dous dos tres debates que disputou. Malia a ter perdido un debate, rematou a fase coa puntuación total máis alta de todos os equipos participantes (414,5 puntos) e coa puntuación máis alta nun debate (151 puntos). 

Pola súa parte o equipo formado polos alumnos Carlos Martínez, Ana Rodríguez, Alba Ríos e Karián del Valle quedou na novena posición, a só dous puntos de clasificarse para a fase final. Un máis ca meritorio resultado, dado que a meirande parte dos integrantes do equipo carecían de experiencia neste tipo de torneos e a súa única derrota foi co equipo que, á postre, ocuparía o primeiro lugar na clasificación.

Ademais o equipo volve coa satisfacción de ver como a alumna Almudena Mesejo foi elixida entre os catro mellores oradores do torneo, no que participaban 23 equipos e un total de 92 oradores.

A clasificación deste ano súmase á traxectoria dos últimos anos: vencedores nas edicións 2013 e 2017, finalistas da edición 2016 e mellor orador nas edicións  2014, 2016 e 2017. 

A actividade Parlamento xove está organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e é unha competición de debate na que estudantes de diversos centros de Galicia se enfrontan dialecticamente durante algo máis de media hora. A cuestión que tiveron que debater nesta fase previa foi se a educación ambiental nos centros educativos significaría evitar incendios como os acaecidos en outubro de 2017 en Galicia.