Novas


08/03/18

SUPER MULLERES

Os nenos e as nenas de primeiro e segundo de Educación Primaria celebraron estes días pasados, a semana da prensa coa lectura do xornal do Primeiro Ciclo. Unha publicación moi especial xa que a temática xirou en torno a celebración do Día Internacional da Muller. Por este motivo, cada día os nenos e as nenas tiveron a oportunidade de descubrir a unha muller galega representativa e recoñecida nunha sociedade de forte arraigo machista na que o rol da muller quedaba reducido ao coidado da familia e a realización das tarefas da casa. A vida de Concepción Arenal, María Luz Morales, Rosalía de Castro, Olimpia Valencia López e Carmen Meaños Abuín encheron as páxinas do diario, con especial atención para a última das protagonistas. 

No Día Internacional da Muller, os nenos e as nenas recibiron unha visita sorpresa. A profe Irene contou unha interesante historia sobre unha superheroína, a súa avoa Carmen Meaños Abuín. Descoñecida polos pequenos, pouco a pouco quedaron abraiados co relato dunha muller que tiña tres superpoderes máxicos: a bata, o moño e a intelixencia. Estes elementos foron clave para superar as dificultades dunha vida dura e complicada que empezou a poñela a proba desde moi cativa coa morte do seu pai e a enfermidade da súa nai. Todos estes acontecementos e as carencias da sociedade da posguerra pronto fixeron reflexionar aos nenos e as nenas sobre as súas propias vidas. “La Carrilla”, tal e como era coñecida na súa vila natal de Carril foi recoñecida pola Orde da Ameixa polo seu traballo admirable e a loita antifranquista. A actividade terminou cun pequeno agasallo por parte da profe Irene. Unha piruleta coa que recordar o importante rol que teñen as mulleres e as nenas nunha sociedade que aspira a conseguir a igualdade de oportunidades.