Novas


28/04/18

CELEBRANDO OS MAIOS

Aínda que a festa dos Maios celébrase na nosa bisbarra o día 1 de maio, os alumnos de Ed. Infantil rememoramos esta festa popular galega onde os nenos e as flores son os protagonistas, nesta última semana de abril.

Forma parte do chamado “ciclo de maio”, tempo comprendido entre mediados de abril e mediados de maio, aínda que hai quen o alonga ata o San Xoán. É coma unha exaltación da natureza aos comezos da primavera. As súas orixes remóntanse a tempos ancestrais. En función da zoa onde se elaboren poden ser tradicionais –cónicos ou piramidais- ou artísticos. Xestáronse para invocar o crecemento das plantas cultivadas e para protexelas de posibles ameazas naturais ou sobrenaturais. Acompáñanse habitualmente de coplas que soen ter un compoñente satírico ou burlón e crítico e que fan referencia a calquera feito social que acontece no último ano.  

Sobre unha armazón feita con paus ou canas e recuberta cunha malla ou corda, os nenos de Ed. Infantil foron decorando con xestas, fiúnchos, flores e froitos... toda a estrutura. Afanáronse na confección de colares feitos coas margaridas silvestres e axudados por algúns alumnos da E.S.O. e de 6º de primaria, obtiveron uns bonitos resultados.

Queremos agradecer ás familias a achega dos materiais para poder facelos e, compartir con todo o Colexio esta actividade, deixándoos expostos no patio.