Novas


24/05/18

ANA ALONSO EMOCIONA AO ALUMNADO DE PRIMARIA

A escritora Ana Alonso visitou o noso colexio para compartir cos nenos de 1º, 2º e 5º de Educación Primaria a súa experiencia como autora de diferentes libros de literatura infantil, que se recollen na súa colección Chisco de Sal. 

Tras certo tempo de espera, a desexada visita por fin chegou. A autora catalá presentouse no salón de actos pola mañá con moitas ganas de contar aos pequenos lectores como decidiu facer da pluma o seu medio de vida. Cando era unha nena, pronto se sentiu atraída pola poesía, en especial pola obra de Federico García Lorca. Aí xurdiu unha inspiración que tivo que enfrontarse á inseguridade e a timidez da adolescencia. Os premios e o recoñecemento comezaron a chegar e a profesora en bioloxía decidiu abandonar a docencia para dedicarse en corpo e alma á literatura infantil. 

Tras este periplo pola súa vida persoal, Ana Alonso profundizou nos libros que leu cada curso. Aínda que cunha liña argumental diferente, cabe destacar que as emocións xogan un papel importante na colección Chisco de Sal. 

Os nenos participaron activamente, lembrando cada historia e mesmo tiveron a oportunidade de saciar a súa curiosidade preguntando todos os detalles que lles pareceron interesantes. Como punto e final á visita, a autora asinou os libros que os alumnos leron previamente en clase cos seus profesores.