Novas


21/02/19

OS ALUMNOS DE 4º VISITAN A MISIÓN BIOLÓXICA DE GALICIA

Os alumnos de 4º da ESO visitaron o pazo de Salcedo en Pontevedra, tamén coñecido como pazo de Gandarón, sede da Misión Biolóxica de Galicia desde o ano 1928.

A MBG é un centro do Consello Superior de Investigacións Científicas, CSIC, que se ocupa dos principais cultivos da nosa comunidade. Na actualidade levan a cabo varias liñas de investigación e mellora xenética e resistencia ao estres do millo, vide, feixón, chícharo e brásicas. Paralelamente contan cunha unidade de investigación forestal.

Cabe destacar a calidade arquitectónica do edificio. O devandito pazo foi construído en tempos do arcebispo Sebastián Malvar y Pinto, a fins do século XVIII. Trátase dunha finca de doce hectáreas con tres edificios principais e tres construcións de servizos.

O pazo foi rehabilitado entre 2006 e 2009, e mantén o deseño orixinal malia ter que ser reparados os elementos máis significativos como a fonte, o hórreo e a capela, hoxe convertida en museo.

A construción que na actualidade alberga despachos e laboratorios foi concibida inicialmente como residencia familiar. Na actualidade a Deputación de Pontevedra ostenta a súa titularidade.

Ao remate da conferencia e a visita ao laboratorio, xa no espléndido xardín, puidemos observar valiosas especies ornamentais e mesmo unha notable variedade de camelias, magnolios, cipreses, cedros ou rododendros, ate medio cento de variedades arbóreas, sen contar a gran abundancia de exemplares froiteiros e outros cultivos.