Novas


14/03/16

ACHEGÁMONOS Á NATUREZA

Os nenos de 4 anos tivemos un día espléndido na saída que fixemos á granxa “O Kiriko” como excursión de fin de curso.
Despois dunha apaixoante viaxe en autobús, recibíronnos os monitores coas mascotas da granxa, os cans. Explicáronnos as normas que ten que cumprir todo granxeiro para poder estar preto dos animais, no invernadoiro e os coidados cando imos ao forno. Logo, xa ben remangados, comezou a aventura coa actividade “O pan que facemos e que comemos”. Empregamos tódalas nosas forzas para amasar e, mentres levedaba para logo facer os bolos, visitamos e démoslle aloumiños a algúns animais.
Gustáronnos moito os porcos vietnamitas e desexámoslles que aumente pronto a familia. A  “vaca Olivia” deixouse muxir, fomos ver se as galiñas puxeran os ovos e démoslle de comer ás cabuxas, entre outras cousas. Xa no invernadoiro tomamos boa nota de como sementar e coidar as plantas.
O xantar tivémolo moi merecido ao igual que un pequeno rato de ocio no parque ata o momento de continuar  coas últimas tarefas antes de ir a recoller  aos animais que estaban nos prados.
Chegado o momento do regreso, deunos un pouco de pena pero como o noso comportamento deixou moi contentas ás profes  non  perdemos a esperanza de poder voltar noutra ocasión.