Actualidade filipense: o día a día do noso colexio

O Colexio Filipenses coróase campión do Torneo de Oratoria das Letras Galegas

As nosas alumnas de 2º da ESO, Sofía Alonso e Elisa Paz, acadaron a máxima puntuación no Torneo de Oratoria organizado por Máis Debate en Vigo. Un fito que se suma ao gran papel dos nosos equipos de 1º da ESO e que reflicte o gran nivel de expresión oral, debate e posta en valor da nosa cultura e lingua que se fomenta nas nosas aulas.

O Colexio Filipenses Sagrada Familia está de celebración. O pasado fin de semana, o talento, a elocuencia e a capacidade de oratoria dos nosos alumnos brillaron con luz propia no Torneo de Oratoria das Letras Galegas, unha competición organizada pola entidade Máis Debate na cidade de Vigo que reuniu a mozos de toda a metade sur de Galicia.

O gran triunfo da xornada veu da man do equipo formado por Sofía Alonso e Elisa Paz, alumnas de 2º da ESO, quen se proclamaron campioas absolutas do torneo tras acadar a máxima puntuación do xurado. Cunha posta en escena impecable, rigor na argumentación e un dominio excelente da lingua galega, as nosas alumnas demostraron unha madurez e unha capacidade de oratoria excepcionais que as elevaron ao máis alto do podio.

Unha representación de luxo e futuro na oratoria

O éxito de Filipenses nesta cita non se limitou ao primeiro posto. O noso colexio viaxou a Vigo cunha destacada representación de alumnos de 1º de ESO, divididos en dous equipos, que deixaron moi alto o pavillón e demostraron que o futuro do debate no centro está máis que asegurado.

Por un lado, o equipo integrado por Lola Rueda, Clara Arias e Cayetana Millán asinou unha participación espectacular, logrando a vitoria en tres dos catro enfrontamentos nos que participaron. Pola súa banda, o conxunto formado por Alejandro Jueguen, Pedro Lijó e Raúl Abad defendeu con moitísimo talento e solvencia o escudo do colexio, declamando textos de grandes autores das nosas letras e competindo a un altísimo nivel.

O froito do traballo na aula

Este recoñecemento é o reflexo directo do proxecto educativo de Filipenses Vilagarcía, onde a expresión oral, o pensamento crítico e a capacidade de falar en público trabállanse de forma transversal desde idades temperás. A maiores, o torneo supuxo unha oportunidade perfecta para conectar a aprendizaxe coa homenaxe á nosa cultura e lingua no mes das Letras Galegas.

Desde o equipo de comunicación e toda a comunidade educativa queremos dar os nosos parabéns máis sinceros aos oito representantes polo seu esforzo, o seu saber estar e o seu compañeirismo. Sodes un orgullo para Filipenses!