Actualidade filipense: o día a día do noso colexio

Aprendendo a axudar, aprendendo a mirar

Este verán, no noso colexio tivemos a oportunidade de vivir unha experiencia moi especial xunto a Cáritas Interparroquial de Arousa. Un grupo de 18 alumnos e alumnas de entre 14 e 15 anos participou no seu programa de voluntariado, achegándose a diferentes realidades sociais e colaborando activamente no día a día da entidade.

Unha mirada máis alá da nosa realidade

Entre o 1 de xullo e o 4 de setembro, o noso alumnado organizou o seu voluntariado en pequenos grupos e participaron en diferentes tarefas: colaboraron no almacén, realizaron labores de apoio e loxística, prepararon materiais e, especialmente, elaboraron os bocadillos destinados ás ceas das persoas usuarias do Comedor Social.

Foi unha experiencia que lles permitiu saír da súa realidade cotiá, coñecer de preto situacións de pobreza, exclusión social e persoas en situación de sen fogar e, sobre todo, descubrir que detrás de cada realidade hai unha historia que merece ser coñecida e comprendida.

Unindo a educación ao compromiso social

Para o Colexio Filipenses, este tipo de iniciativas teñen un valor especial. Educar tamén significa coñecer o que sucede ao noso redor, poñernos no lugar dos demais e aprender que pequenos xestos poden contribuír a facer a diferenza.

A participación neste programa permitiulles poñer en práctica valores que forman parte do noso día a día: a solidariedade, a empatía, o compromiso e o respecto. Valores que queremos seguir cultivando nos nosos alumnos e alumnas e que adquiren un significado especial cando se viven en primeira persoa.

Desde o noso colexio queremos agradecer a Cáritas Interparroquial de Arousa por facernos partícipes desta experiencia e, especialmente, aos nosos alumnos e alumnas por participar nunha experiencia que busca axudar, apreder e, sobre todo, mirar o mundo con outros ollos.

Parabéns ao noso alumnado por vivir esta experiencia con tanto compromiso e ilusión!