Actualidade filipense: o día a día do noso colexio

Innovación educativa: un novo impulso á lectoescritura

No Colexio Filipenses Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa apostamos pola vangarda educativa e pola actualización das nosas metodoloxías para ofrecer ao alumnado as mellores oportunidades de aprendizaxe. Por iso, seguimos incorporando propostas innovadoras que favorecen o seu desenvolvemento desde as primeiras etapas.

Neste marco, apostamos por un novo programa de conciencia fonolóxica, Mariquita Silabita, e por un novo método de lectoescritura, Animaletras, desenvolvida por Irene Berride Cuevas, docente de Pedagoxía Terapéutica do noso centro, co obxectivo de proporcionar ao alumnado unhas bases sólidas para iniciarse na lectura e na escritura.

Aprender desde Educación Infantil

Esta nova metodoloxía trabállase desde Educación Infantil, acompañando o alumnado no desenvolvemento progresivo das habilidades necesarias para a aprendizaxe da lectoescritura a través de actividades e propostas adaptadas a cada etapa.

Este mércores, Irene tivo a oportunidade de presentar o seu método ás familias, amosando como o levamos á práctica nas aulas e compartindo diferentes actividades e materiais que enriquecen o proceso de aprendizaxe dos máis pequenos.

Novas oportunidades de aprendizaxe

Durante o encontro, as familias puideron coñecer máis de preto esta proposta educativa e descubrir novos materiais que nos abren interesantes posibilidades de intervención e nos permiten seguir avanzando na mellora dos procesos de ensino e aprendizaxe.

No Colexio Filipenses seguimos apostando pola innovación, o traballo compartido e a mellora continua das nosas prácticas educativas para acompañar cada neno e nena no seu desenvolvemento.

 

Grazas a todas as familias pola súa participación e implicación nesta nova aposta educativa!